Thursday 02 de May de 2024

Oito mulleres protagonizan a campaña do 8M en Cabanas


A área de igualdade tamén elaborou unha “escape room” virtual para conseguir “unha vila libre de condutas machistas”

A área de igualdade do Concello de Cabanas presentou hoxe a campaña do Día da Muller (8M), protagonizada por oito mulleres traballadoras de Cabanas, e que leva pro lema “por ELAS somos”.

Estas oito mulleres formarán parte dunha exposición exterior, que estará situada durante as próximas semanas nas inmediacións do cruce entre a Avenida do Areal e a Travesía do Areal, composta por dous cubos de gran formato con catro fotos cada unha (unha por muller). A inauguración desta exposición está prevista para o propio 8 de marzo, nun acto programado para as 10.30h deste día.

“Con esta campaña queremos reivindicar e visibilizar o papel das mulleres de Cabanas en diferentes ámbitos”, sinalou a concelleira de igualdade, Paula Gónzalez, quen tamén tivo palabras de agradecemento para as protagonistas da campaña pola súa participación na mesma.

Escape room virtual

O Concello de Cabanas elaborou tamén unha “escape room” virtual, dirixida ao público adolescente, na que as xogadoras deberán enfrontarse a diferentes retos para superar o xogo e escapar das condutas machistas que afectan a campos como o do traballo, a educación ou os dereitos.

O xogo ambiéntanse “nun lugar onde as mulleres recibían comentarios ofensivos e tiñan que demostrar a súa valía”, polo que se decidiu “nomear unha equipa responsábel de acabar con esta situación”.

Este xogo é accesíbel desde https://i.gal/8mcabanas e no seu desenvolvemento colaboraron as mozas e mozos do grupo de participación xuvenil.

Obradoiro en dereitos laborais

Cabanas tamén forma parte do circuíto de obradoiros organizados pola área de igualdade da Deputación da Coruña arredor do 8M, uns talleres que teñen por obxectivo traballar a prol dos dereitos das mulleres, e especialmente das coidadoras e traballadoras do fogar.

Este obradoiro terá lugar o 14 de marzo, nun horario por determinar, e durante dúas horas buscarase crear un espazo de coñecemento e acción dirixido a coidadoras, xerar reflexión onde poñer en valor os coidados, transmitir e divulgar normativa en material laboral do sector e fomentar estratexias colectivas que impulsen á demanda en materia de dereitos laborais, entre outros.